|
Isaac Díaz Pardo (obra de Iria Ribadomar) |
Debuxei a Isaac traballando, sumerxido en proxectos, e ao fondo unha das moitas probas de patróns decorativos para cerámica do Laboratorio de Formas. Máis a verdadeira protagonista da ilustración é a súa mirada, algo que sempre me fascinou de Isaac, unha porta aberta a un mundo atemporal, no que as luces e as sombras son imposibles de separar as unhas das outras, un ollar único, un "Ollar Novo".
|
Ilustración de Iria Ribadomar |
Deste xeito explica a súa obra a ilustradora, artista e debuxante Iria Ribadomar Molina. Ela é unha das grandes referencias da ilustración galega contemporánea, que sabe mergullarse na historia de todas aquelas mulleres esquecidas (polo noso país) pero que colaboraron na sustentación da cultura (do noso país) e do idioma (nacional)... Pensamos en Lolita Díaz Baliño -tía de Isaac Díaz Pardo- da que ela elaborara un fermoso cartaz. Alén doutras actividades, Iria desenvolve un proxecto gráfico denominado
Deica Creacións, no que se observa un enorme e interesante traballo que confecciona unha nova iconografía para os simbolos nacionais galegos. Aí aparecen de personalidades relevantes do país, como Rosalía de Castro, ou anónimas, como pandereteiras, gaiteiras (quizais non tan ignotas), mariñeiras, nais, avoas... A súa produción pictórica bebe da tradición e toma influencias da nosa paisaxe, das nosas contornas, do noso patrimonio... pero sabe anovalo, traelo até unha nova plástica. Quen non lembra aquela súa estampa dunha muller vestida con camisola vermella, mandilón de cadros (como os das nosas avoas), catiuscas, fouciño en man, cabeleira ao vento e protexida por aquel escudo que Castelao deseñara para Galiza!? Si, xustamente aquel cartaz feminista que adoita ir rotulado co lema "nin mortas nin escravas" -emulando o que sinalara o autor do
Sempre en Galiza.
Pois con esta fortuna estamos hoxe, xa que Iria foi quen de elaborar unha imaxe para lembrar ao Isaac, xusto co obxecto de facer conmemoración do centenario do seu nacemento. A autora, compostelá de nacenza e galega de transcendencia, indica que se trata dun debuxo dixital (e vaia debuxo!!) e que sempre gustou da mirada de Isaac, do seu xeito de ollar. Ademais engade:
"A Isaac, os tempos non lle estiveron á altura, por moitos motivos. Cando se é á vez do futuro e do pasado todo momento histórico quédaseche pequeno. Puxo deseño, arte, artesanía, ciencia, vangarda, tradición, traballo, compromiso, implicación, ética e honestidade... ao servizo de Galiza".
Beizóns e boa singradura, nesa anovación da iconografía galega!
|
Isaac Díaz Pardo (obra de Iria Ribadomar) |
Comentarios
Publicar un comentario