O azul de Isaac e José Gómez de Bernardo

O azul de Isaac (obra de José Gómez de Bernardo)

Dixera outrora Borobó -Raimundo García Domínguez- aínda que no contexto biográfico do cuntense Xohán Xesús González, que este (antes de ser xornalista) "seguiu o oficio dos seus antepasados, edificadores de catedrais". E ben certa resulta esa afirmación, pois as persoas traballadoras da pedra herdan a prestixiosa tradición de erguer monumentos eternos.

Isto vén ao caso porque a obra que hoxe entregamos foi labrada, a golpe de maceta e cicel, por José Gómez de Bernardo -"Pepón". El dise canteiro, pero lembremos que diante dese oficio sempre brilla un artesán e se agocha un artista. Algunhas pesoas, pensémolo ben, poden facer coa pedra case o traballo dun oleiro, como se os minerais que conforman a dureza do elemento a cicelar fosen unha branda e hidratada arxila. Por iso parécennos marabillosos estes oficios, que dan alegrías para a vista pero tamén de xantar: no verbo xido (xerga dos canteiros) chámaselle xantarela ao granito, quizais porque esta materia é a que saca a fame dos seus fogares. Aínda que disto podería tratar con máis rigor o amigo Calros Solla. 

Pepón titula á súa obra O azul de Isaac, conta cunhas dimensións de 60 por 40  e 30 centímetros de longo, largo e alto, respectivamente. Os materiais son granito e arenito policromados e a intención do artista é a seguinte: "pensei en representar a pintura pola primeira expresión artística de Isaac e o azul por ser unha das cores caraterísticas da súa cerámica".

Beizóns polo traballo e un aplauso pola continuidade dos oficios tradicionais: resgardan os costumes, fannos felices ao vermos os seus resultados e son parte fundamental, quizais unha das máis íntimas, da identidade dun país!

O azul de Isaac (obra de José Gómez de Bernardo)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños