Isabel Somoza, Isaac e o Fogar de Almas

Sementando (obra de Isabel Somoza)

Baixo o título Sementando, e pertencente á serie Fogar de Almas, Isabel Somoza entrega unha peza en cera virxe estampada con augaforte e colaxe depositada sobre a estrutura dun niño. As súas medidas aproximadas son 25 por 28 e 10 centímetros. 

Sementando (obra de Isabel Somoza)
Esta obra acompáñase dun texto que explica por que Isabel Somoza gustou de elaborar esta manda. Na literalidade di así:

"Hai vinte anos, cando abrín o obradoiro de gravado, fun a Sargadelos a recoller pezas defectuosas coa idea de facer un mural. Pasei un tempo rompendo os pratos e buscando novas formas para darlles unha segunda vida, uns peixes, unhas flores, as ondas do mar... Cando inaugurei o taller Isaac visitouno ben gustoso e humildemente loou o meu traballo, facendo que esas paredes tivesen un valor especial para min".

No que respecta á obra, a nós particularmente parécenos fabulosa pois achega, nese tecido a xeito de niño, un mar de arterias e veas que conflúen nun corazón extremadamente sensíbel, que se podería fundir por un exceso térmico de sensacións. Por outra banda, o niño de garabullos non deixa reafirmar a vida, velaí que aínda se perciban as folliñas que outrora serviron para captar luz e sustento ao miocardio. 

Na epiderme do órgano tatúanse figuras semicirculares que configuran case o logotipo dunha realidade, a pegada dunha existencia que transcende a nosa comprensión e unhas cores, en cobalto, que fan lembrar a decoración dun caolín feito arte, a area petrificada en Cervo.

Beizóns e sigamos a gravar todos os estímulos que nos fan felices dende a arte, a memoria e o corazón!

Sementando (obra de Isabel Somoza)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños