Nolo Suárez e un tempo para Isaac


Compostelán de nacenza, outrora estudante na Escola de Artes e Oficios, amante do debuxo, a pintura e o gravado évos Nolo Suárez. Certo é que as persoas somos eternos aprendices ao longo das nosas vidas, mais non hai dúbida de que os coñecementos se van adquirindo e estes demóstranse en foros e obradoiros. Este tamén é o caso de Nolo, que participa en obradoiros da Solaina de Piloño, no CGAC, no CIEG de Betanzos, no Auditorio de Galicia e no Consello da Cultura Galega. Porque, alén de formar parte de diversos colectivos de artistas, as súas obras discorreron por innumerábeis recunchos desta nación atlántica (Vigo, Compostela, Noia, Malpica, Vilagarcía, Rianxo, Boiro, Fisterra...) e por institucións veciñas como o Centro Galego de Valencia, a Casa de Galicia en Madrid, o Centro Galego de Lisboa... Sinceramente resulta bastante complicado resumir -abofé- o seu curriculo, sinalar todos os museos e fundacións que souberon e saben da súa arte. Porén, quizais todo se resuma na obra que nos presenta para conmemorar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.

Nolo si quixo participar nesta homenaxe que -a xente do pobo- lle dedica a Isaac, si quixo destinar un petisco do seu tempo para dicir (ou o mellor berrar) que houbo alguén que entregou -non hai moito- toda a súa vida polo país. En técnica mixta sobre papel, Suárez fai chegar o seu acrílico de 50 por 70 centímetros e, cabo desta fantasía, uns atinadísimos comentarios que queremos reproducir aquí -polo que significan- en toda a súa literalidade.

Beizóns, mestre... Saúde, arte, palabra e futuro.

"Traballo en distintas capas pictóricas, partindo dun deseño típico de Sargadelos , nunha primeira capa. Logo leva outra con varios percorridos pictóricos e distintas cores, que significan os diversos percorridos vitais e culturais feitos por Isaac. E logo a ultima capa, incorpora,  en distintos espazos do cadro, como nas 4 esquinas, un debuxo interpretación sobre o propio Isaac, unha interpretación do cadro que este fixera e que se titula: “Xente alporizada”. Nos outros lados,  unha cerámica de Sargadelos e unha peza escultórica deseñada polo propio Isaac. 

Con todo isto, quixen resumir un pouco, algúns dos diversos traballos realizados ou impulsados por Isaac Díaz Pardo, o seu inxente traballo, abdicación e esforzo, pola nosa arte e a nosa cultura

Nolo Suárez".


A Isaac Díaz Pardo, traballador incansable nos diversos aspectos da arte e a cultura
(obra de Nolo Suárez)



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños