Dende o pomar de "Mini", unha mazá para Isaac

O Ara Gael, obra de Camilo Díaz Baliño

Pois neste día entregáronnos unha mazá ateigada de recendos e sabores. Desas que temos ao pé da casa, na hortiña dos afectos, outrora o pomar dos avós. Mais non nos enganemos, esa mazá colorada e de pel suave, conta unha historia dura -que emociona-, dolorosa pero necesaria para comprender a grandeza de Isaac Díaz Pardo. 

Esta froita nutricia déunola en man(da) Xosé Luís Rivas Cruz -Mini-, un dos cantautores máis destacados do noso país. A historia da música galega non se pode entender sen el, sobre todo a máis recente. Fuxan os Ventos e A Quenlla foron dous dos grandes proxectos nos que participou, alén de contar cunha extensa produción musical e varias obras literarias.

Liñas e liñas poderíanse dicir desta voz necesaria (imprescindíbel) da música do País. Mais, como el é dono da súa voz esta é a que queremos compartir mentres gustamos do zume dunha mazá, quizais, un tanto aceda. 

Beizóns, Saúde e moita palabra para non escurecer o canto!

Na Curva de Saa

Autocaricatura de Camilo Díaz Baliño, 
pai de Isaac Díaz Pardo
Era alí, na curva de Saa, onde un 14 de agosto do 36 apareceran dous homes rotos. E foi alí onde marcamos cunha pedra fita esa ignominia. Alí baixo o amparo dun castiñeiro ventureiro o escultor da Memoria, Valdi, chantou a laxe que lembraba os nomes de Sixto Aguirre, estudante de Rianxo e Camilo Díaz Baliño, muralista, pintor e home de ben.
   
     E así tódolos anos sacabamos do silencio a ausencia destes dous homes martirizados pola barbarie. Eu creo que todxs os alí asiduos nos preguntabamos, pra nós, por que non asistira nunca Isaac Díaz Pardo, o fillo de Camilo D. Baliño. E o respecto que lle profesabamos furtaba a posible resposta. As súas razóns terá... Porque nós sabiamos o especial que era D. Isaac (permitídeme o Don) e sobraban as conxecturas. 

    Pero un ano veu, e xa hai tempo. Nestes actos temos o bo costume de intervir cada un co que lle peta procurando falar desde dentro, desde o corazón. E el falou e o seu relato foi estremecedor. Porque falou, eu diría que coa alma nun puño. E contou:

     El no 36 era un mociño activista das JSU (xuventudes comunistas) moi significado e cando as dereitas rancias acordaron facer sangue tivo que se agochar. Seica alguén da súa confianza lle dixo da disposición dunha casa non marcada pra agardar que amainase o temporal, pero era na Coruña e el estaba en Compostela. A viaxe era o problema. E aconsellárono que fose en transporte público, no liña, e así o fixo.

     O pavor anque atenuado polo tempo, regresaba ós seus ollos... A cada curva da estrada aparecían corpos rompidos pola saña dos cans adoecidos. Cada un deles era un aviso, unha advertencia de que a xente de ben corría perigo.

     E foi contando ata que a espiña tanto tempo espetada no corazón saíu pra fóra cando mentou ó pai. Eles ían por min. Era a min a quen buscaban e toparon con meu pai e ensañáronse con el.

     E todxs estremecemos e admiramos máis a tremenda humanidade daquel home de aparencia pequena e tan grande na sensibilidade. Porque é preciso ter unha alma moi grande pra cargar toda unha vida con ese peso. Coido que ninguén dos alí presentes o tiña visto nunca tan emocionado, tan encolleito... tan apesarado.

     Continuamos ano a ano a celebra-la Memoria na curva de Saa, entre Melide e Palas de Rei, mais el non volveu. Logo veu o seu pasamento e agora celebramos a súa frutífera existencia en toda a dimensión do home que amou tanto o seu País; e este pequeno relato quere aportar un aspecto máis da súa grandeza.

     Vaia pois esta cativa mazá pra ese cesto de fertilidade que el ofreceu a esta nosa Matria.

Xosé Luís Rivas Cruz - "Mini" 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños