Baia Fernández de la Torre e Isaac Díaz Pardo

Espido realizado por Isaac Díaz Pardo



Quizais este poema, sen querer, nos leve a aquela colección de espidos debuxados por Isaac Díaz Pardo e que publica, en 1965, en Ediciós do Castro. Cunha tiraxe de 300 exemplares ve a luz esa fermosa colección de estampas, todas de trazo simple e decidido, áxiles e provistas dun dinamismo elástico, contorsionista, dende a elegancia e lonxe de tabús... Porén, aínda que os versos de Baia Fernández de la Torre encarreiráronnos cara aí, o certo é que ela inspirouse nunha peza titulada "Desnudo de mujer", obra tamén do propio Isaac. 

A autora indica: "Esta obra impactoume especialmente pola beleza da imaxe, o movemento reflectido nela. A cor da sanguina fai que o sinta máis carnal, máis íntimo. O ver o rostro cos ollos pechados e o sombreado que semella que a acariña fai que me mergulle nela e a sinta dende dentro. Hai detalles que lle dan tanta realidade e outras zonas que parecen desdibuxadas, coma un sinxelo bosquexo, mais aínda así, nada me falta, nada me sobra. O corpo físico e o etéreo danzando entre si". 

Baia, alén de ser unha gran comunicadora, é autora de varios libros infantís, dos cales sempre hai lecturas diversas que fan -asemade- reflexionar ás persoas adultas. Achega que gusta "de todo aquilo que provoque un movemento en min, que me faga emocionar, xa sexa a través da música, as letras a pintura ou a arte en xeral. A arte que para min pode estar en todo canto miro". E xustifica a súa colaboración co Alento Esbravexo deste xeito:

"Animeime a participar neste proxecto porque sinto a importancia de recoñecer o traballo feito por tan grande artista como Isaac Díaz Pardo, porque hai xeracións novas que non o coñecen, e deben facelo, e porque esta idea dáme a oportunidade de crear algo novo a partir do xa feito. Mentres sigamos creando seguiremos vivindo e unha vida con arte é unha vida máis plena". Tamén sinala que "aproveito para expresar o meu agradecemento pola oportunidade de participar nunha homenaxe de tales características que non so homenaxea senón que enriquece o noso patrimonio cultural. Parabéns e grazas!".

Mais quizais sexa mellor que nos describa estas realidades a autora do poema, Baia Fernández de la Torre, unha das creadoras galegas que seguimos con maior interese. Beizóns, parabéns e moita arte (tamén coa palabra!)


A ISAAC


A muller xa estaba.

Séculos de historia corroboran esta afirmación

e aseguran a súa presenza.

Mais fuches ti quen lle deu movemento no papel.

O volume exacto e a curva precisa.

Puxeches sombra á vergoña e

luz á realidade do sentir máis puro,

o da pel acariñada polo aire.

Os demos non son quen de xulgala

pois ela está en si e consigo.

E danza cun ritmo libre,

enxoita.

Cos ollos pechados allea

ás miradas xordas,

inmersa en si,

convidando, a quen a vexa,

a mergullarse no movemento vital,

no encontro co ser.

So quen olla como ollas ti,

coas meniñas acendidas,

é quen de contar verdades de lapis e

sentires de papel que acariñan a alma.

Ogallá a túa mirada perdure,

inspire, acenda lámpadas de sal que

adocen as longas noites de azul cobalto.

Baia Fernández De La Torre 2020

Muller espida (autor: Isaac Díaz Pardo)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños