Álex Vázquez-Palacios con Isaac Díaz Pardo


Chegamos ao estudo de Álex Vázquez-Palacios. As obras penduran das paredes como se fosen fiestras abertas á paisaxe... Todo o mar escorrega por elas, ao igual que a clorofila que exhalan as fragas tinguidas de acuarela, acrílico e óleo. O colorido é impactante, pois enreda cos clarescuros e con pigmentos brillantes que fan do real algo fantástico. Mais na execución da obra existe certa percusión pianística: os pinceis -de diversos grosores- impactan contra o lenzo con musicalidade, de forma rítmica e acompasada.

Isaac Díaz Pardo
(autor: Álex Vázquez-Palacios)
E aínda que as obras contrastan coas da súa filla, Amelia Palacios, ambas conviven en harmonía dende a diferenza: os mares que se encristan en fervenza de cor (provocadas todas por Álex Vázquez), apousentan coa tranquilade das rías que se desdebuxan entre as brétemas de Amelia (con eses fantásticos replandores brancos no horizonte: muxicas de esperanza perante a tempestade?). 

Mais no estudo fincan outrosí retratos monocromos e estampas en cores sanguina, algunhas reproducidas en obras literarias de Francisco Fernández del Riego (que tanto ben fixo polas letras galegas!). E con ese mesmo estilo chega até nós un retrato que Álex elabora para conmemorar a existencia de Isaac Díaz Pardo. A figura é inconfundíbel, transmitindo esa serenidade característica do "señor dos cacharriños" (verdadeiras alfaias para a historia dun pobo que se ergue dende o Atlántico).

Pero o autor é tremendamente (re)coñecido nos círculos de artistas, pois as súas mostras deambularon por Galiza, España, Portugal, Reino Unido, Alemaña... E alén de entregar mar, paisaxe e terra aos ollos do espectador, tamén recende na retina os camelios florecidos.

O retrato, elaborado en 2020, contornea en lápiz acuarelado e sobre papel a silueta de Díaz Pardo. As manchas e os trazos resumen e resaltan nunha lámina de 24 por 32 centímetros toda a vida dun xenio.

Beizóns, mestre! Saúde!



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños