Unha muiñeira de Carmiña (Álvarez) de Soutomaior para Isaac Díaz Pardo


 Carmiña de Soutomaior toca a pandeireta, toca a gaita, canta, recita e repenica... 

Carmiña de Soutomaior ama as tradicións de noso, a voz do pobo e o legado dos entregos. Ela representa a esas mulleres que saben pescudar nas entrañas da Terra para rescatar do esquecemento o legado musical dos maiores. É desas mulleres sabias que se acompañan da palabra, que se entregan á amizade e que sempre están cabo das persoas que aman o idioma (íntima de Antía Cal, amiga de Avelino Pousa, irmá de tantas e tantos...) e das que protexen esta patria atlántica que alborexa -en alalás- dende os montes do Courel... 

Carmiña Álvarez dise labrega de vocación e irmandiña por Xustiza, boa filosofía vital para se presentar no mundo. Por iso, con todo o agarimo, entrega unha muiñeira a xeito de manda para facer homenaxe a  un irmán da terra: Isaac Díaz Pardo. Para el, para lembrar a súa nacenza hai un século, compón a letra desta peza que aquí se escoita. Seguramente na casa da Tumbona hoxe, coas fiestras abertas, bole axiña esta muíñeira.

Beizóns, Carmiña, un aturuxo na túa saúde!!


CENTENARIO DE ISAAC DÍAZ PARDO ©

(Música: Ruada popular. Letra: Carmiña de Soutomaior) 


No Santo Alberte de Parga 
emocionante aquel día 
BAUTISMO CHAIREGO a Isaac Ai! lalala Ai! Lalá 
de Alfonso e súa Mimina 


Olliños espreitadores 
a nós sempre agradecías 
que xuntos celebraramos Ai! lalala Ai! Lalá 
a ledicia dos teus días 


Apertas tensas me dabas 
no souto das romarías 
Trasalba no corazón Ai! lalala Ai! Lalá 
cantares coa nosa Antía 


Carmiña de Soutomaior, agosto de 2020



Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños