Manuel Teira e Díaz Pardo, unha manda que irmanda



Coñecer a Manuel Teira Luaces é saber das súas calidades na oratoria, no verso -sobre todo-, pero tanto ou máis transformando a pedra en algo memorable... Porque se do verbo crea emoción ao facelo poesía, da pedra crea o mesmo sentimento ao erguela escultura. Un hemisferio do seu intelecto aboia en palabra, outro reside na cor e o volume que tamén xera arte...

Teira, debemos lembrar, é autor do sereo en bronce co que Barbantia agasallou a Isaac Díaz Pardo canda o premio da cultura galega. Varias exposicións ten instalado por Galiza, India, Portugal, na Mostra Iberoamericana, Marbella (coa súa Feira Internacional), Vigo (Puro Arte), no Centro Español de Manhattan ( Nova York ) etc. Por iso as persoas que formamos parte do Alento Esbravexo sentímonos moi honradas coa súa participación nesta homenaxe ao Isaac, e máis aínda ao gustar de combiar as facetas nas que despunta: a plástica e palabra.

Mais, homenaxear de xeito comunitario a unha figura tan grande como Isaac Díaz Pardo, reducila a caracteres tipográficos ou a trazos de cor nunha lámina en branco, sempre será como pretender describir o mar observando un vaso de auga.

Así e todo, o noso océano de mandas axuda a entender a amplitude dunha persoa inmensa. Velaquí nos trae o artista Manuel Teira Luaces un par de pingas -puras, pulcras e marabillosas- que amosan o resplandor dun "bo e xeneroso". Beizóns, mestre da Barbanza!

Velaquí o seu recordo:

A lembranza de Isaac e a súa presenza sempre me impresionaron fondamente. Podo aseguralo porque tiven a honra de coñecelo e departir con el algunhas verbas. Quero mostrar a miña admiración polo mestre e polo ser humano que podía mover montañas, e de feito moveu (coa axuda dalgúns dos seus compañeiros) os alicerces da nosa cultura recente. Todos sentimos ese proceso de construción coma propio e enorgullécenos como galegos.

Esta manda a Isaac, "Dona de Seu", é dalgunha maneira unha prolongación das mulleres que formaron parte da súa vida, unha prolongación da súa firmeza a da súa determinación para gañar, o equilibrio e a igualdade nun mundo, que sei que el soñou, con novos horizontes e novos soles, tamén a favor do mundo femenino.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños