UNHA MANDA CHEGADA DAS TERRAS DO SOL NACENTE PARA ISAAC, FEITA POR TAKEKAZU ASAKA

Flores de Iris, por Ohara Koson
Das terras niponas chéganos a manda que hoxe presentamos. Pertence esta a Takekazu Asaka, un profesor de filoloxía románica na Universidade Tsuda (Toquio) moi vencellado coa Galiza dende 1975, cando caeu nas súas mans un exemplar do xornal d'A Nosa Terra en Madrid. Dende entón o seu amor pola lingua, literatura,... e cultura galega en xeral non fixo máis ca medrar. Chega a publicar varias Gramáticas de lingua galega para xaponeses e traducir á súa lingua materna obras de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra ou as cantigas do Xograr Martin Codax. Grazas a esta entrega sincera á patria galega e a súa difusión (en verbas de Francisco Fernández Rei) foi nomeado embaixador da lingua galega en Xapón e académico correspondente da Real Academia Galega.

De tantas ocasións que visita a nosa terra gañou o sobrenome cariñoso de Takiño entre todas aquelas persoas que o coñecen e tratan. Isaac foi un deles. E é por iso que nos envía uns versos emotivos para homenaxealo.


Homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Takekazu Asaka

I

Na túa porta, IGI,
IGI, na túa porta,
está aberta a porta,
entra calquera xente.

 

II

Cos ollos grandes
e a mirada cara ao futuro,
adiantan os homes
agardando a paz do mundo.

 

III

O fiúncho, xesta, fento
malva, san xoán, luísa
e romeu están no IGI,
todas as herbas recenden.

   

(IGI: Instituto Galego de Información)



Este libro de meu foi editado en Toquio, no ano 1996.
A cuberta é de Díaz Pardo e o deseño de Alberte Permuy.
O limiar é de Francisco Fernández Rei.

Grazas polo seu traballo.

"Todos están a ollar o futuro da vida humana".
Takekazu Asaka



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños