UNHA MANDA DE ANA PILLADO VEGA PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Filomena (autora: Ana Pillado)
Nadadora nocturna
(autora: Ana Pillado)
A seguinte manda-homenaxe entregada para conmemorar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo procede de Ana Pillado Vega, quen explica as súas pezas cerámicas do xeito que reproducimos na súa literalidade.

"No ano 2001 tiven a fortuna de asistir á 'Escola Libre de Cerámica do Castro' nas instalacións da fábrica en Samoedo (Sada). O prestixio da 'Escola'  e a posibilidade única que brindaba desenvolver a aprendizaxe nun entorno tan privilexiado, convertían a experiencia nunha oportunidade moi demandada e recoñecida internacionalmente. De feito, entre os asistentes había ceramistas non só do Estado español senón tamén  doutros países de Europa e América.

Parella (autora: Ana Pillado)
Premio da 'Asociación de escritores e
escritoras en lingua galega' (autora:
Ana Pillado)
A 'Escola' era absolutamente gratuíta e durante a aprendizaxe traballamos con todo o material propio da fábrica sen ningún tipo de restricións. Así mesmo, facíamos uso do comedor para os traballadores e traballadoras e incluso da piscina decorada con motivos inspirados nas obras de Seoane, que ese ano inaugurou o propio Díaz Pardo acompañado dun sacerdote. Mellor dito, da pía por el inaugurada, porque, tal e como clarificou perante un nutrido grupo de ceramistas arxentinos, vascos, italianos, galegos, madrileños, cataláns... en bañador, aquelo era unha pía,  non unha piscina porque  piscina é o lugar dos 'piscis' e esta non tiña peixes....e que mellor que o cura bendicise as augas non foramos a afogar algún de nós.

Na 'Escola' recibimos o maxisterio de Calros Silvar e Fran Pérez Porto, ambos afamados ceramistas e grandes mestres no oficio. A súa docencia seguía a máxima da liberdade artística, principio que primaba a experimentación e o desenvolvemento da creatividade.

Rosalía (autora: Ana Pillado)
Premio 'Eu tamén navegar da
Secretaría Xeral da Igualdade'
(autora: Ana Pillado)
Para min, particularmente que viña do mundo da pintura e a ilustración, a 'Escola' abriume as portas ao fascinante mundo da cerámica. Namorei das súas múltiples posibilidades creativas, da alquimia dos seus pigmentos, do traballo co volume... E tal foi o meu namoro que decidín montar o meu propio obradoiro cerámico. Tiven o apoio incondicional do meu mestre Fran Pérez Porto, quen me regalou un dos seus fornos e me guiou no proceso de creación. Naceu así 'Alma de Lama', obradoiro de cerámica, pintura e ilustración situado en Oleiros, onde desenvolvín o oficio durante 5 anos. Neste tempo fun seleccionada para participar en feiras, exposicións e recibín encargas para elaborar premios e murais. 'Alma de Lama' foi a miña primeira casa taller, espazo no que crear e experimentar  o aprendido na 'Escola Libre de Cerámica do Castro'.


Sempre estarei profundamente agradecida polo inmenso privilexio de ter asistido á 'Escola Libre' que Díaz Pardo e Seoane impulsaron dentro do seu proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia, creado para profundar nas raíces artísticas e identitarias do noso páis dende unha óptica vangardista, pois ambos os dous sabía que unicamente tendo as raíces ben chantadas na propia cultura é posible a innovación artística".

Comentarios

  1. Que interesante! Me gustó mucho leer esta información. Gracias Ana. Mereces eso y mucho más.

    ResponderEliminar
  2. Parabéns pola peza de pezas, Ana
    E agradecemento por compartilo as a experiencia.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños