Víctor Rivas e un retrato para Isaac
Isaac Díaz Pardo (por Víctor Rivas) |
Víctor Rivas é un dos ilustradores galegos máis recoñecidos no panorama internacional, con imaxes que oscilan dende a sinxeleza e o traballo das superficies até a lámina ateigada de miles de detalles e con certas pinceladas fantasiosas, onde combina a vitalidade de personaxes con caveiras e seres deste mundo. O alén e o aquén reúnense nunha lámina de celulosa con marco neobarroco. Así e todo, crea iconas vinculadas coa nación galega, actualizándoas e, ademais, facéndoas atractivas para públicos ben diversos.
Curiosamente das caveiras e dos esqueletos consegue tenrura, con independencia de certa intriga... pois con fascinación -e outros ollos- fainos contemplar eses seres que engarzan coa nosa tradición, coa mitoloxía e co culto á morte (tan enraizado en pobos como o noso). Animados polas ánimas e as láminas, mastigamos palabras e imaxes de xeito voraz.
Isaac Díaz Pardo (debuxo de Víctor Rivas) |
Nunca ninguén mellor o definiu como Enrique Carlos, pois para este debuxante "Víctor Rivas debuxa de medo", aínda que nós tamén engadiriamos que incluso "debuxa o medo dende a tenrura e a cotiandade". O propio Enrique Carlos tamén sinala que "Víctor Rivas debuxa que dá medo a calquera, aos lectores dos seus libros infantís cando pretende asustalos (que é un medo que divirte), e aos ilustradores coma min (porque nos dá pánico ver a calidade que ten, e a envexa horrorosa que nos dá)".
Quen non queda abraiado coas ilustracións que realiza para Escarlatina, a cociñeira defunta, obra de Ledicia Costas; ou a Vampira de biblioteca, da mesma autora? Algúns que xa peiteamos cabelos ruzos lembrámolo en Golfiño, revista infantil e xuvenil galega dirixida por Fausto Isorna e Miguel Vázquez Freire, onde colaboraron Isabel Briones, Paula Gómez, Carmela González Pintos, Xaquín Marín, Miguelanxo Prado e Kiko da Silva, entre outras persoas do mundo das artes.
Profesional da ilustración, Víctor é sen dúbida un gran comunicador visual que, ademais de dar luz iconográfica a moitas obras de autoras e autores galegos, tamén se mergulla de vez na banda deseñada.
Resulta unha honra para o Alento Esbravexo podermos contar tamén con el para lembrar a un xigante da Galiza. Velaquí queda unha caricatura entrañábel e fabulosa de Isaac Díaz Pardo. Beizóns.
Waaaah! Mil grazas!!!
ResponderEliminar