|
Virxe do Carme - Sargadelos (agasallo a unha nai... ou a moitas) |
Compatibiliza estudos e traballo este mozo de Cuntis que gusta de colaborar na memoria dos bos e xenerosos. Tráenos coma agasallo de mans que se entregan unha manda na honra de Isaac Díaz Pardo, pois cómpre lembrar a aquelas persoas que erguen catedrais (quixer de pedra, de arte ou de ideas...). Porque Rubén Campos Guimarei, o autor desta muxica de luz, gusta de lecturas que nos fagan reflexionar, do pensamento -hoxe tan denostado- da filosofía... para intentar comprender o mundo, as persoas e as realidades que nos definen como pobo nun determinado momento.
Rubén reside xusto alí, na Presiña -antiga rúa Lanuza- non lonxe do predio onde Roberto Blanco Torres nace e no que se educa, tamén rodeado de humanidade e humanidades... E disto vai o conto, de ser humano e comprender que debemos honrar a aquelas persoas que nos preceden, fosen amizades, coñecidos ou as que nos deron luz e vida: as nais!
Beizóns, Rubén... e que continúe a ser a palabra e a neurona a ferramenta máis útil para os cambios.
Isaac e as nais
Non vou descubrir América -nin Colón me sinto, nin con ganas de colonizar- falando dos innumerábeis costumes que forman parte da nosa cultura e tradicións e que co paso dos anos forman parte da nosa vida. Fosen gastronómicos ou culturais, arquitectónicos ou lingüísticos.. fan que Galicia sexa recoñecida en todo o mundo. Os nosos particulares e -disque- recoñecidos costumes axudan a que Galicia percorra o mundo, non esmoreza... E non é unicamente cuestión de que chegue ao meu padal o gusto polas filloas do entroido elaboradas con faísca, ou que resoe nos afectos os versos de Rosalía... Non só pola lingua e a literatura, senón pola transmisión cultural do noso legado a todo o mundo (para quen o queira!).
Isaac Díaz Pardo vai contribuir coa súa arte, dunha maneira xenuína, brillante e necesaria, para que Galicia sexa distinguida unha enésima vez coa fundación de Ediciós do Castro, pero principalmente co nacemento da fábrica de Sargadelos, obra Cum Laude de tan inmellorable ser.
Sargadelos é sinónimo de Isaac Díaz Pardo, non existe un sen o outro, resulta impensable non escoitar falar de Sargadelos e non ver a figura de Isaac Díaz pardo reflectida no seu espello creativo, acompañándose mutuamente como unha parella de namorados que comezan un camiño xuntos agarrándose fortemente da man (até que as asembleas os separen!).
Do mesmo xeito que Díaz Pardo se alzaba co seu taller, medraba tamén outro costume que se impregnaba na sociedade galega. Sargadelos convertiríase nunha mostra de identidade propia, coa que viaxaría polo mundo para levar canda si o nome de Galicia. Isaac Díaz Pardo coas súas obras consegue inmortalizar as tradicións dunha xente, dun pobo, dunha terra... A súa terra (tamén a Nosa). Isaac Díaz Pardo é Galicia (tótem, realidade e identidade nacional).
Esta Virxe Do Carme foi un agasallo que cun mar de cariño lle fixen á miña nai.
Rubén Campos Guimarei... Dende "A Presiña"
(un locus amoenus da Vila do Baño)
Comentarios
Publicar un comentario