Pezas para a lembranza de Isaac elaboradas por Domingo Regueira

Detalle de Arte Pandémica (obra de Domingo Regueira)

Domingo Regueira publica hoxe a súa colaboración nesta espazo d'Unha manda de pezas para Isaac. Aínda que moitas persoas do Alento admiramos gran parte da súa obra, varios en particular somos fanáticos dos seus "Borranchos", pezas cargadas de movemento e personalidade. 

Arte Pandémica (obra
de Domingo Regueira)
Mais, como está a ser un costume nesta etapa do proxecto que estamos a desenvolver, cedémoslle a palabra e a letra a un verdadeiro embaixador da cultura do Barbanza, estámonos a referir a Manuel Cartea. Velaquí os atinados apuntamentos biográficos que entrega sobre Domingo Regueira.

"Domingo Regueira, natural de Palmeira. Estuda bacharelato e Arte na Escola de Artes Aplicadas da Coruña. Exerce como decorador e deseñador e, máis tarde, como profesor no colexio Hijas de Cristo Rey, de Oleiros. Logo, como autónomo, monta en Ribeira Esdudio20: rotulación, deseño gráfico, serigrafía etc.

Pero a pintura e o debuxo foron outras das súas dedicacións, con: óleo, acuarela, augada... Xa no 1978 presenta no Círculo Mercantil e Industrial de Ribeira unha selección de acuarelas e participa en varias exposicións colectivas no Barbanza e en Galicia, amén de traballos de ilustración (para textos de Antonio Novo, para o Suplemento Barbanza da Voz de Galicia...). 
Bocexo proba transfer celulósica
(obra de Domingo Regueira)

Dende hai tempo vénse dedicando a ilustrar temas históricos e mitolóxicos variados: os Irmandiños, Carlomagno, os celtas... e mesmo Valle-Inclán, un dos seus referentes literarios e morais.

A súa paixón pola arqueoloxía acompañouno toda a súa vida. Neste eido ten varias publicacións: Guía de petróglifos cruciformes, cruceiros e petos de ánimas (1986), unha guía de Ribeira, en 1986. Conta con importante e pioneira bibliografía sobre estudos e descubertas de moitas estacións arqueolóxicas do Barbanza, nos que aventura firmes hipóteses en “debuxos orientadores” sobre a construción destes monumentos megalíticos, sobradamente recoñecidos. Asidua foi a súa colaboración na sección PARA VER, da Voz de Galicia, polo que ser coñecido como “Artista oficial de Ribeira”. Amais, foi presidente da Confraría de Pescadores de Palmeira e concelleiro do Concello de Ribeira".

 (Manuel Cartea)

Proba transfer celulósica (obra de Domingo Regueira)

Catro son as pezas que presenta, todas cunhas mesas dimensións (42 por 32 centímetros, con marcos) e en técnicas inventadas polo propio Domingo Regueira. Os seus títulos son: Arte Pandémica, Bocexo proba transfer celulósica, Proba transfer celulósico e Colaxe dixital photoshop.

Colaxe dixital photoshop (obra de Domingo Regueira)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños