José Luís Rial Varela, Isaac e os refugallos

Obra de José Luís Rial Varela

Temos visto ao longo deste proxecto -e que está a piques de rematar- unha restra de persoas que reutilizan diversos materiais para convertelos en pezas artísticas, ou que aproveitan louza e figuras de Sargadelos para, con respecto, darlles unha outra vida. Así xorden novos elementos artísticos e incluso xoias da man destes "rescatadores", teimudos á hora de tratar como se merecen as pezas orixinarias e asignarlles unha nova vida.

Obra de José Luís Rial Varela
Aínda que non emprega tales materiais, José Luís Rial Varela, compostelán de nacenza (concretamente do lugar de Figueiras) é un mecánico automobilista de profesión que en tempos de lecer compón pezas dignas de aplauso. Así, de todo iso que é considerado lixo, tantas veces mesturado en aceites, lubricantes, po e con recendos que excitan a pituitaria, Rial crea beleza.

Con aceiro, latón e restos varios, así como co que parece un engrane, foi quen de erguer unha árbore en cuxas pólas repousan dous paxaros. Un observa todo estarricado ao outro, que fica nun niño de láminas e abrazadeiras mentres incuba o futuro da especie. A súa ollada, entre torcas de aceiro, vese clara... Busca a vida, a beleza, a tenrura e unha mensaxe de respecto ao medio natural.

- Mais cal será a ollada do noso futuro sen creatividade, sen a rebeldía de construírmos espazos para o pracer e as artes? Que sería da música, as esculturas e os lenzos sen os significados (obxectivos e subxectivos)? Que ficaría dos deseños de Seoane e Díaz Pardo sen a memoria e a fidelidade ao seu proxecto (formas e contidos inseparábeis)? 

Obra de José Luís Rial Varela
- A concepción única sería a de cacharriños, simple louza de consumo, simple forma sen fondo... A Galiza da cerámica pintada en colbato desprenderíase do bordo da porcelana para afogar nun océano de tinta procedente do papel moeda. Imaxinádevos as efixies de Pardo de Cela, Rosalía, Castelao, Valle-Inclán e outras precipitando nese mar ou, irremediabelmente, deambulando sen xeito polos almacéns coma se fosen parte dunha procesión de mortallas: unicamente recipientes estéticos sen programa iconográfico nin contido difusor.

Porque fan falta artistas que rescaten as pezas afogadas para que, coa palabra e as ideas, aboien en recipientes significativos e con significado. Precisamos rescatadores e rescatadoras da memoria e non creadores de mortallas. Precisamos, en fin, vida!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños