Isaac Díaz Pardo, Ricardo N. Sobrino e a transcendencia
E nesta época que, lamentabelmente, anda o pensamento río abaixo e os valores humanos tamén en mingua... sempre é necesario reencontrarse coa filosofía, cos razoamentos pausados, analíticos, empíricos e construtivos. Non se pode reconstruír e evolucionar se non se crea en todo momento un método idóneo para sermos dende o respecto, dende a diversidade, dende a identidade.
Por iso hoxe publicamos unha manda que ten moito que ver con este asunto, co futuro e o progreso dos pobos tendo como trabe mestra a figura de Isaac Díaz Pardo. A colaboración conmemorativa vén da man de Ricardo N. Sobrino, profesor en filosofía e artista plástico. Ricardo é desas persoas reflexivas, comedidas, amante das artes e da música, resaltando nesta última disciplica como un pianista e amante do piano. No eido das artes, e alén das súas participacións en mostras nacionais e estatais, é unha das persoas organizadoras das xornadas artísticas que todos os veráns se celebran na vila termal do Baño (Cuntis), contando con artistas moi valiosos dentro do panorama galego e español. Por conseguinte, debemos aplaudir a N(úñez) Sobrino non só pola súa colaboración neste proxecto de dar luz, espazo e tempo á figura de Isaac Díaz Pardo, senón por ser impulsar ideas de reactivación cultural.
Mais desta volta, aínda que sexa membro da Asociación de Artistas Plásticos Galegos, a súa participación co Alento Esbravexo -como xa deixamos indicado- envórcase no ensaio, velaquí o seu Isaac Díaz Pardo: Biografía e Transcendencia.
ISAAC DÍAZ PARDO: BIOGRAFÍA E TRANSCENDENCIA
Dende a psicoloxía da comprensión, como
ten acreditado Ch. Bühler co seu amplo estudo de biografías, podemos falar de
dous elementos que serven de fío condutor para dilucidar non só as partes que
configuran unha personalidade, senón tamén as facetas que constrúen unha
biografía. É claro que a prolongación do psicolóxico ao biográfico é lexítima
posto que o primeiro aclara o segundo, que o particulariza.
Referímonos ao curso da vida dende a
perspectiva subxectiva, construída polos pensamentos, volicións... que
constitúen o mental; e por outra banda o curso da vida en canto a realizacións
obxectivas, verificábeis, tanxíbeis.
Non nos podendo afastar do campo
concreto, que pretendemos acoutar, destacamos na biografía de Isaac Díaz Pardo
dous elementos, sen dúbida importantes por varios motivos, que pertencen ao
aspecto obxectivo biográfico: a súa faceta de pintor e a súa faceta de
creador-recuperador da fábrica de Sargadelos. Así que deixamos para os expertos
biográficos de Isaac Díaz Pardo a investigación do proceso vital-mental do seu
pensamento e tamén unha exhaustiva relación dos seus logros obxectivos.
A vida concreta de Isaac Díaz Parte
parte, como toda vida, dunha “facticidade”. Poucos autores teñen profundado na
dimensión óntica desta facticidade como Heidegger que, como é sabido, está
ancorada na “cura” ou “coidado” (Sorge). Pois ben, o contexto na biografía de Isaac
Díaz Pardo, ou un dos contextos, está circunscrito a un territorio que é Galiza.
Aquí as particularidades deixámolas tamén aos especialistas, pero a importancia
das dúas facetas sinaladas da súa biografía obxectiva do curso da vida, a
creación pictórica e a continuidade de Sargadelos, xorde cando transcenden o
contexto no que aparecen e crean novos contextos. Xa que logo, a facticidade
concreta da existencia compleméntase, cando menos nalgúns casos, nunha transcendencia
hermenéutica do biográfico, aínda que, tamén de cando en vez, sen plena
conciencia ou pretensión de tal alcance por parte do autor. Porque neste caso a
pintura de Isaac Díaz Pardo é unha pintura galega; e Sargadelos, cos seus novos
deseños, proxecta cara ao futuro tamén a construción dun país.
O proceso de constitución da identidade
dun país ou nación, como é ben coñecido, ten lugar no século XIX; e fíxose a
partir de elementos do pasado buscando esencias diferenciadoras. Creo necesaria
unha dinámica de complementariedade que constrúe unha nación, paradoxalmente,
dende o futuro e non só dende o pasado. Nesta construción valoramos as achegas
de Isaac Díaz Pardo.
En moitos eidos Galiza pode dar a súa
achega, xa que no contexto de nacións, dende a particularidade galega, se busca
o común baseado naturalmente non nunha globalización –que pretende introducir
pola porta de atrás unha “pseudorracionalización” disfrazando, de xeito astuto,
unha cobiza do mercado–, senón unha racionalidade propia de toda a humanidade. Velaí
as teorías que xorden en parte tras a II Guerra Mundial, nas relacións
internacionais baseadas, entre outros aspectos, nas novas teorías da
construción da paz.
O círculo péchase: a arte, a creación
que achega, é dicir, a hermenéutica da transcendencia biográfica de Isaac Díaz
Pardo, pero tamén a xustiza, a eliminación da pobreza e outras reivindicacións,
dan esperanza a un horizonte que, porén, se presenta –dito suavemente– escuro.
Ricardo Núñez Sobrino
Comentarios
Publicar un comentario