Euloxio R. Ruibal, Isaac Díaz Pardo e a crónica dun seminario

Lecturas do meniño Isaac Díaz Pardo cabo do seu pai.

Quen descoñeza quen é Euloxio R. Ruibal ignora que estamos perante unha das referencias obrigadas da dramaturxia galega, considerado incluso como un dos renovadores do teatro do noso país. Dende cando menos os 16 anos de idade está totalmente inmiscido no mundo dos escenarios, mais tamén se mergulla no cine, na escrita e na docencia. Impartiu aulas na Universidade de Santiago de Compostela, foi bibliotecario-arquiveiro da Real Academia Galega (da que hoxe é numerario) e presidiu a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

No eido da escrita é autor de máis de dúas ducias de obras clasificábeis nos xéneros ensaístico, lírico, dramático e narrativo. Conta con obras tan interesantes como Valle-Inclán e o teatro galego: a recepción da obra dramática de Valle-Inclán na dramaturxia galega (1916-1973), De corpo enteiro e Teatro mínimo. Influenciado por autores clásicos como Bertoll Brecht, determinados aspectos do teatro alemán extrapólaos á súa propia obra. 

Por outra banda, unha das autoras máis destacadas no estudo do teatro galego, referímonos a Laura Tato Fontaíña, considera que tanto Euloxio R. Ruibal como Xosé Agrelo, Manuel Lourenzo e Vidal Bolaño, entre outros, forman parte do Grupo Abrente, conxunto de dramaturgos e dramaturgas que despuntan nas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia. Así e todo, tamén habería que incorporar a esa listaxe un número de mulleres, no que estarían, cando menos, Marica Campo, Ana María Fernández Martínez e Dores González Lorenzo.

Trasladar até aquí o currículo de honores de Euloxio resultaría unha ardua tarefa, porén todo se podería resumir nun agradecemento sincero -dende o Alento Esbravexo- por ser unha das trabes mestras do teatro galego actual.

Para rematar, entregamos aquí a súa manda, ateigada de memoria e valentía. E si, como o dramaturgo desexa, "que a vida faga Xustiza. Amén".

Para quen guste das lecturas reflexivas, paga a pena ler na súa integridade esta súa manda.

Crónica dun seminario de tempos idos

Á memoria do amigo e artista total Isaac Díaz Pardo

O 30 de xuño de 1972 cheguei cedo ó Castro de Samoedo (Sada), co propósito de asistir ó “Seminario encol do libro galego”, organizado polo Laboratorio de Formas de Galicia, que se ía celebrar ese día e mais o 1 e 2 de xullo no Museo Carlos Maside. Eu sentíame ledo, emocionado. E non era para menos. Estaba certo de que ía coñecer en profundidade as realidades e segredos dos nosos libros, así como tamén moitos persoeiros do mundo editorial. Non vou relatar todo que alí se dixo e debateu. Ademais de resultar improcedente, a miña cativa memoria non mo facilitaría. Tan só pretendo con esta breve crónica ofrecer unha idea da atmosfera intelectual e mais sinalar algúns aspectos que arestora, pasados xa 48 anos, poden ser significativos ou de singular interese. A tal fin, voume servir dun resumo das xornadas, publicado no caderno nº 2 do Laboratorio de Formas de Galicia (O libro galego a discusión, Ediciós do Castro, Sada, 1974).

Abriu a sesión inaugural Ramón Piñeiro, director literario da Editorial Galaxia e presidente executivo do Seminario, cunhas palabras xustificativas e contextualizadoras. A continuación interviu o xerente da mesma editorial, Francisco Fernández del Riego, tamén presidente executivo do Seminario, coa conferencia “O libro como elemento de comunicación e como empresa”. Ó día seguinte participaron Xosé Filgueira Valverde (“A historia do libro galego”) e mais Ricardo García Suárez (“O libro como continente”). Nunha das sesións conxuntas de traballo, Rafael Dieste logrou elevar a temperatura do debate ó propoñer a creación dunha grande editora que estableza conexión coas culturas castelá e portuguesa, a fin de que o libro galego acade mercado en toda a península. A unha parte dos asistentes (Del Riego, Celestino de la Vega, Piñeiro…) pareceulles abondo idealista a proposta, pero a outra (Alexandre Finisterre, Manuel María, Nemesio Barxa…) considerouna unha idea moi interesante. Nada, porén, causou tanta polémica  como a intervención de Xesús Alonso Montero: “O libro galego na sociedade: chamamento dramático”. A lingua e maila cultura de Galicia, segundo Alonso, atópanse en perigo. Sen a presenza urxente no ensino e nos medios de comunicación, ”a lingua galega ten os días contados”. Dieste discrepa abertamente e Manuel María, Antón Buxán e Isaac Díaz Pardo, entre outros, posiciónanse con Alonso Montero. Asistimos quizais ó momento máis acalorado do coloquio, e iso malia a ausencia do autor do relatorio, que foi lido por outra persoa. (Sen pretendelo, venme á memoria o lingüicidio que arestora se está a cometer adrede co chamado decreto de Plurilingüismo.)

(...)

Euloxio R. Ruibal


Continua a lectura
de todo o texto
descargando o arquivo
dende esta icona.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños