Xulio Cobas Brenlla, o silencio e Isaac Díaz Pardo



Escritor, profesor e experto en literatura infantil e xuvenil galega é Xulio Cobas Brenlla. De rabuñarmos un pouquiño nas páxinas da súa biografía podemos saber que é autor dun bo feixe de publicacións, entre outras dos libros Voa se podes e Adiviñas para xogar, quizais os máis lidos e apreciados nas aulas. Ao mesmo tempo, cómpre consideralo un dos pioneiros na investigación do libro infantil e xuvenil galego, velaí aquel (o primeiro da nosa historia literaria) que se titula A voltas coa literatura pra nenos. Estudio sobre literatura infantil que, dende Ediciós do Castro, ve a luz en 1982.

Cobas Brenlla, para homenaxear a Isaac Díaz Pardo, facilita un texto para nada silencioso que pretende, iso si, alertar de todos aqueles baleiros que existiron en Galiza e que provocaron a "inexistencia social" de Isaac Díaz Pardo. 

Mil grazas por todo e por tanto, caro Xulio.

De como non oiamos falar de Isaac Díaz Pardo



Por ter nacido nunha pequena aldea galega a cabalo entre o final da primeira metade e a segunda do século XX, cando Isaac Díaz Pardo andaba nos seus trinta anos, e era xa un pintor de recoñecida importancia, pero na aldea ninguén o coñecía, nin falaban del, por estar entregado á pura supervivencia naqueles difíciles anos de postguerra.

Na escola unitaria da miña aldea, na que apenas cabíamos dentro, o mestre tiña que esforzarse no ensino das catro regras, lectura, escritura e as leccións na Enciclopedia, pero tampouco alí figuraba Isaac Díaz Pardo.

Nos anos 50 chegou a luz eléctrica e comezaron a oírse algunhas radios emitindo series, deportes e músicas diversas... E nós seguíamos sen coñecer a existencia de Isaac Díaz Pardo.

Algúns rapaces daquela época tivemos a fortuna de ir á cidade a estudiar o Bacharelato, e de novo en ningunha das materias, nin sequera na materia de Historia da Arte, se citaba o seu nome.

Tiveron que pasar varios anos da década dos 60, cando o seu nome e empezou a soar, no momento que as cerámicas do Castro e de Sargadelos promovidas Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane apareceron nos escaparates das tendas, comezouse a coñecer o Museo Carlos Maside, os libros editados por Edicións do Castro, e tamén soubemos das múltiples actividades apoiadas e levadas a cabo por Isaac Díaz Pardo.

Por iso, nesta homenaxe á súa memoria, quixen falar do esquecemento ao que foi sometido e da privación a tantas xeracións de que non oísemos falar de Isaac Díaz Pardo, cando tanto e tanto del se nos tiña que ter falado...

Xulio Cobas

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños