Rubén Aramburu lembra o altruísmo de Isaac



Dentro dos membros da Igrexa Galega hai nomes de homes e mulleres necesarios que fan das crenzas algo máis propio, endendido dende a cultura do país, dende os costumes do pobo, dende a raiceira da nosa identidade. Por iso son tan importantes persoas como Afonso Blanco Torrado, Manuel Cabada, María Xosé Cancelo, Xosé Chao Rego, Xesús Mato, Victorino Pérez Prieto, Elvira Santos, Andrés Torres Queiruga, Moncho Valcárcel, Engracia Vidal Estévez, Pilar Wirtz... que, cando menos, aproximan o evanxeo ás galegas e galegos na palabra de noso. 

Isto fainos lembrar aquel Concilio Vaticano II (1963) que recomendaba o uso das linguas vernáculas, malia que dende o estado escorou case todo para o castelán. Pouco ou reducido espazo houbo para o idioma galego. Realmente a liturxia na nosa lingua comeza a agromar con persoas coma as citadas, cando reivindican que o noso tamén é un idioma vernáculo.

Deixando atrás este preámbulo, cómpre sinalar que a manda de hoxe vén cargadiña de "melindres" (como di Xosé Vázquez Pintor), e entréganola Rubén Aramburu, un crego franciscano que viste de gorro de la, toca a guitarra eléctrica e ama o rock... aínda que el se define como "un crego de aldea, comprometido con Irimia e Encrucillada". 

O seu amigo Baldomero Iglesias defíneo deste xeito: "Rubén é unha persoa que ama fondamente a natureza, traballadora, fiel aos demais, cunha clara idea de país e de nación que, quizais, se viu influenciada por amigos del como os tamén cregos Francisco Carballo e Paco de Aguiño". Mero, continúa a súa descrición deste xeito: "Rubén Aramburu é mais que un teórico, un practicante; alguén que non se queda no superficial, un ser comprensivo, tolerante, amigo de Miguel de Lira e Tonhito de Poi e un excelente cociñeiro, abofé".

E velaquí queda, coas nosas beizóns, o texto que Rubén facilita para demostrar, novamente, a xenerosidade de Isaac Díaz Pardo, unha persoa tamén tolerante, tamén necesaría, tamén dos que fan moita falta.

Sobre Isaac

Hai uns días recibín como agasallo o catálogo dunha exposición organizada polo Arquivo Histórico Diocesano de Santiago: Planos Mapas e Deseños. Son case todos deseños dos séculos XVIII e XIX: aparece o deseño dos lumes do Apóstolo na fachada da catedral a finais do s XIX, a planta e alzado da escada da igrexa de San Martiño Pinario, un plano do convento de Herbón...

No remate do catálogo aparecen algúns deseños do século XX. Un deles corresponde a un copón de cerámica de Sargadelos coa seguinte lenda: “Proxecto orixinal de copón de Sargadelos: Parte dianteira e parte traseira-Seminario Sargadelos, Cervo 1989. nota: atribuído a D. Isaac Díaz Pardo”. Coñecía o copón que foi utilizado na misa que o Papa Xoán Paulo II celebrou no Monte do Gozo na Xornada Mundial da Xuventude en Santiago, no ano 1989 ante centos de miles de mozos de todo o Mundo.

Intrigado pola xénese da historia falo con Salvador Domato, director do Arquivo Diocesano e Coordinador Xeral que foi daquela visita do papa polaco. Foi unha proposta feita a D. Isaac que tomou con moito interese. Deseñou o copón e fabricou uns centos deles, moi fermosos por certo. Sargadelos puxo logo a venta unha réplica pero sen a fineza e estética do orixinal. Segundo me contou Domato, non quixo cobrar un peso. A maior parte dos copóns marcharon polo mundo adiante, como agasallo a bispos e cardeais que acompañaron ao Papa. Seguramente en museos diocesanos de moitos lugares do mundo hai agora unha peza de cerámica galega, pensada e creada por Isaac Díaz Pardo.
Rubén Aramburu


Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños