Loli Suárez e un café con Isaac
Loli Suárez realizou esta instalación para lembrar as tonalidades da cerámica de Sargadelos, ese tons caligráficos da nosa epiderme cultural, sensíbel e con recendo a memoria que non esquece. Certo é que nela aparecen pezas desa fábrica, outrora rexida con ímpeto (pero sobre todo con xenerosidade) por Isaac Díaz Pardo. Porque esas alfaias azuis e brancas (abandeiradas no celeste) combinan moi ben co verde da Terra (da Nosa Terra!) dende a que se respira aínda hoxe a ánima imperecedoira daquel que veu ao mundo na Casa da Tumbona.
Canda esta peza, un correo da súa autora advirte do seguinte: "Boa tarde! Achégovos a miña pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo. A foto é unha síntese do que el representa na miña vida e, sobre todo, dende que empecei a ler sobre el e Luís Seoane. Agradezo moito, moito esta inciativa. Unha aperta ben forte (...). María Dolores Suárez Baltasar".
Sinceramente, dende o Alento Esbravexo gustamos de instalacións tan xeitosas e acaídas como a que aquí se entrega, mais tamén valoramos moitísimo cando unha explicación, como a que acompaña, resulta tan gratificante. Así e todo a carta inicial xa anunciaba tan maña sensibilidade. Beizóns, Loli... Nos tamén seguiríamos horas léndote.
"Eu son ensinante e a humanidade e o labor de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane levoume a ler e reflexionar sobre a inmensidade do proxecto realizado por eles, alén e aquén mar. As dificultades que atoparon non lles impediron loitar polo que querían. Este é un gran valor que gusto de transmitir ao alumnado.
Sempre gustei moito da cerámica de Sargadelos, mais ignoraba
o inmenso mundo de talento e traballo que había detrás.
Sigo lendo, e coñecendo sobre as súas obras e cada vez doume conta, con máis claridade, de que o esquecemento non pode mediar en Sargadelos e sobre todo en Isaac e Luís. Aquel soño que eles artellaron e que se foi facendo realidade, puxo a nosa cultura, no ámbito da cerámica e a pintura, a nivel internacional e sumouse ao labor literario de moitos outros nomes, apoiando a cultura de noso. Construamos entre todos unha forma que permita lembrar moito tempo unha fazaña tan inmensa.
María Dolores Suárez Baltasar.
Comentarios
Publicar un comentario