Antonio Reigosa, o lévedo e Isaac Díaz Pardo
Antonio Reigosa facilita a manda de hoxe, se ben chegou hai meses aos nosos portais, como aquel pan fresco que recende a mil aromas: humidade, auga, terra, cinsa, lume... Porque diso vai o texto deste autor, da importancia do pan, mais sobre todo da importancia do lévedo. Consideramos que este texto, marabilloso, é digno de ser petiscado en varias ocasións, xa que non son parágrafos para unha chanchada. Mil nutrientes mesturáronse ao redor de cada frase, fermentaron con forza para crear unha fornada estupenda que cómpre ter moi presente para entender o que realmente significa Isaac Díaz Pardo no eido das artes.
Moitas e moitos de nós coñecemos a recendente e fertil produción cultural de Reigosa, sabemos do seu incansábel traballo a prol da antropoloxía galega, mais isto que hoxe nos trae non é un manxar calquera, quizais dea significado á palabra compañeiro/a, pois esta ten que ver co feito de compartir o pan coa persoa que temos ao lado. Velaí que non se deba renegar de compañía tan necesaria, desta lectura imprescindíbel, pois logo de remoela encontraremos a receta de como Isaac Díaz Pardo coceu o seu pan nos fornos da cultura nacinal galega.
Beizóns e progreso!
Lévedo
Canto máis e mellor coñezo a obra xigantesca que tratou de erguer, e que en boa medida conseguiu, Isaac Díaz Pardo, máis me reafirmo na idea de que a súa intención, paso por paso, sería equiparable a un proceso moi preciso e delicado, o de darlle forma a unha idea desde as ruínas dunha decadencia económica, industrial, cultural e política evidentes.
De neno aprendín como se elabora o pan, que non comeza na artesa senón na sementeira do trigo polo mes de decembro. Os coidados que esixe o cereal ata a sega no mes de xullo son moitos e sempre expostos aos vaivéns do tempo climatolóxico.
Tras a vontade de cocer o pan que se ha de comer nun futuro, que sempre desexamos farturento, está o abonado da terra e a técnica da sucada para que un exceso de chuvia invernal escorregue polo rego de entremedias e non arruíne a planta. A limpa constante das malas herbas, ao que debe axudar unha primavera alegre e equilibrada de chuvias e temperaturas, completa a paisaxe dourada que se poderá ver nas valiñas e chousas no mes da sega.
Cando o cereal madura, ségase (usando sempre ferramentas e técnicas axeitadas), átase, carréxase, médase e mállase para separar, nunca máis oportuno o dito, o grao da palla. Nada se desbota, nin a palla nin a argana; todo ten utilidade nun proceso respectuoso co medio natural e humano.
Toda obra precisa unha idea, unha intelixencia, e un plan. Cando o gran chega ao muíño xa sabe que é para converterse pola arte da moenda en fariña e farelo. Por iso, quizais, son tan alegres as coplas e os pasatempos que se escenifican nos muíños.
E cando a fariña chega á artesa, por moi ben medidas que estean as cantidades de auga e sal que lle botemos, por moi boa amasadura que logremos, nunca será pan se non interveñen os efectos prodixiosos do lévedo. Todo quedaría arruinado sen estes pos máxicos.A masa e a maxia do lévedo, tras o tempero da fermentación, aínda precisan dun último, arriscado e delicado, e non menos prodixioso, banzo; o da cocción ou transformación da idea inicial nun bolo ou nun molete de pan que alimente e satisfaga o noso corpo e o noso espírito.
Omito aquí o ritual, os tabús e as ofrendas propiciatorias, que tamén son necesarias para que todas as fases amalgamen e dean o froito desexado. En cada enfornada, coa masa presta, moldeada e lista para entrar nun forno ao roxo, celébrase en cada ocasión a cerimonia do sacrifico da supervivencia da humanidade.
Pois eu imaxino a Isaac así, como ese lévedo, apenas perceptible pero imprescindible para que a materia prima se transforme en obra de arte, estética e atractiva, sen deixar de ser o sustento necesario para o corpo e o consolo cultural e espiritual das nosas almas.
Con Isaac, desgraciadamente, foise o secreto do lévedo, a vontade de conseguilo e a capacidade e a intelixencia para recomezar desde as ruínas outra volta.
Queda, iso si, a súa memoria. Oxalá saibamos lela e interpretala para dar sentido e futuro ao seu legado.
Antonio Reigosa
Comentarios
Publicar un comentario