Xosé Ramón Fandiño, 1936 e Isaac Díaz Pardo

Camilo Díaz Baliño cos seus fillos: Chita e Isaac (ano 1925)

Gran coñecedor da vida e quefaceres de Isaac Díaz Pardo é o seu amigo Xosé Ramón Fandiño. Escritor e editor, comparte angueiras con Isaac no IGI, colabora na Radio Galega e, como gran coñecedor da literatura do noso país, coordina a Gran Enciclopedia Galega...

Oro de la amanecida, de Manuel
Fuentes Jorge (con portada de
Camilo Díaz Baliño)

Sempre compartimos con el conversas vinculadas a Sargadelos, ás librarías e editoras históricas de Compostela, non unicamente a afamada editorial Nós, senón aqueloutra que xunto con Arturo Cuadrado xestionaba Xohán Xesús González... "En Compostela soterraron a semente / chamada Xohán Xesús González, porta / dun futuro suntuoso e proletario / que avanza cara nós con alboroto / e vénme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo" (Xosé Luís Méndez Ferrín)

Porque Fandiño vén sabe desas historias, como daquela novela que editada por Niké (impresa en El Eco de Santiago) consegue ser esgotada no mesmo día que ve a luz. Referímonos a Salomé del Sar, obra do escritor e político exiliado na Arxentina Manuel Fuentes Jorge. 

Pero ben, esa é outra historia que calquera día nos pode lembrar dándolle unhas voltas a un café, porque desta -Fandiño- falaranos de Isaac e daqueles tempos do Estatuto de Autonomía da Galiza, da barbarie e da pólvora que o fascismo guindou dende os balcóns da liberdade.

Beizóns, Xosé Ramón...

Os ollos transitivos das miradas de Isaac

Cando Camilo Díaz Baliño estaba detido na Falcona santiaguesa e a punto de ser inmolado, os falanxistas entraron na súa casa e arramplaron con case todo, entre outras cousas co debuxo da vaca que Castelao lle dera a Isaac para que sobre el compuxese o cartel de propaganda para o Estatuto de Autonomía: “Isaíño faimo ti”, díxolle o autor de Sempre en Galiza. “Eu fixen os dous de Castelao, o do leñador e o da vaca. Era simplemente reproducir as súas ideas nos carteis. El dicíame `aquí metes tal cousa, alí aquela outra´. Logo, os falanxistas entraron na nosa casa para destruír un montón de cousas, como o cartel da vaca de Castelao. Era un debuxo que me entregou a min, coloreado sobre unha cartolina para que eu o ampliase, lle puxese a lenda que el me indicou e o mandase a imprimir. Ese debuxo meu pai levouno para o seu despacho, que foi onde os falanxistas se cebaron, e desapareceu. Dese debuxo, magnífico, que ademais tiña un significado especial, só se conserva a miña interpretación, que se cadra non se parece nada ao orixinal” (Isaac Díaz Pardo, 2008).

Das cousas que se salvaron hai tres fotografías nas que me quero deter brevemente porque resultan ilustrativos para comprender os anos da infancia e adolescencia de Isaac. A primeira, entrañable, é de 1925, cando Isaac tiña 5 anos de idade. Aparece Isaac nesta foto tomada na horta da casa da Tubona co seu pai, Camilo, e súa irma, Chita, seis anos maior có seu irmán, que observa solidaria como Isaac, guiado por seu pai, se inicia na aprendizaxe da lectura. As mans de Isaac están en acción, fixando o camiño que deben de seguir os ollos.

Graffiti que Isaac fixo no Obradoiro
para o Estatuto de Autonomía
(1936)
A asegunda é de 1936. Despois de participar na campaña do Estatuto como cartelista e de percorrer cos seus compañeiros das Xuventudes Socialistas Unificadas as aldeas circundantes de Santiago ata a Ría de Arousa, Isaac pintou no lousado da Praza do Obradoiro un gran mural no que con grandes letras vangardistas se lía: Autonomía de Galicia. SI. Si. E tamén unha estrela. Logo subiu ao alto do pazo de Raxoi e fotografou en picado ese SI que Galicia lle outorgou á súa autonomía o 28 de xuño de 1936.  

A terceira é de 1934 e na foto aparece Isaac na praza do Obradoiro co seu camarada das Xuventudes, Germán Fernández. Dous amigos aos que unían os mesmos ideais e aos que a guerra civil os separou irremediablemente. A Isaac prendeulle seu pai unha estrela na testa forxada na irmandade da luz e da liberdade e con 16 anos acabados de cumprir perdeuno todo e pasou de ser un neno educado nos valores republicanos a un adolescente baixo sospeita durante a guerra e a posguerra. Germancito, que así era coñecido en Santiago, era fillo de José Germán Fernández, militar retirado pola lei Azaña, afiliado a Esquerda Republicana, primeiro tenente de alcalde e Alcalde por poucos días trala dimisión de Ánxel Casal. Foi dos primeiros inmolados por ser fiel á República. Germancito tralo asasinato de seu pai afiliouse á Falanxe á conta da que viviu como asalariado o resto da súa vida. En opinión de Luís Pasín, testemuña fiel daquelas datas “Germancito era un falanxista malo. Vestía acotío co uniforme azul e cunha fusta na man -acompañado case sempre polos seus correlixionarios, o avogado e procurador Solla, da Carreira do Conde, e Gerpe, celador do Hospital e veciño da rúa das Hortas- entraba nas tabernas e obrigaba aos seareiros a poñerse de pé e cantar o Cara al Sol”. Tal era a súa ruindade que unha lenda urbana á que Pasín non dá crédito, circulou por Santiago asegurando que se ofreceu a formar parte do pelotón de fusilamento de seu pai.  

Isaac co seu amigo Germán Fernández
na Praza do Obradoiro en 1934
A nova situación política desbaratou o ideario democrático no que se educou, pero Isaac conservou durante toda a súa vida, con lealdade inquebrantable, as utopías republicanas e galeguistas coas que pretendían cambiar a realidade social e económica de Galicia. Germancito, en cambio, seguramente que por medo ou autoprotección, vendeuse aos asasinos de seu pai.  

José Germán Fernández permaneceu soterrado nunha sepultura de pobres do cemiterio de Boisaca ata que a súa esposa, ao morrerlles o fillo en 1964, exhumou os restos do seu marido para enterralos xuntos. O pai republicano executado e o fillo que abxurou dos principios nos que o educaron.

Xosé Ramón Fandiño

 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños