En Galeras, manda de xantares para Isaac
Manda de xantares
El Romero |
A Plataforma Galeras acolle a
veciñanza da zona onde naceu (1920) e viviu Isaac Díaz Pardo ata 1936 (que ten
que fuxir á Coruña escapando do fascismo). Cando se achegaba a data do
centenario de Isaac Díaz Pardo (22 de agosto), a asociación veciñal convocou
aos establecementos de restauración da súa área para facer algo que recordara ao
ilustre veciño.
Sempre pasan cousas cando xuntamos dignidade e cohesión social, cando unimos a comida que nos alimenta e as relacións. A primeira delas foi que Quique, da Horta do Obradoiro, nos puxo a traballar.
- A ver se podemos saber que lle gustaba, o que comía...
Galeras |
Daquela tivemos que buscar xente coñecida
que compartira con certa asiduidade, xantares con Díaz Pardo. Esperanza Lema
falounos do larpeiro que era. Vizoso (que viviu con el uns tres anos no IGI)
contaba que era moi austero, que comía coma un paxariño, pero que era
agradecido e todo lle gustaba. Coincidía con Esperanza en que lle gustaba moito
de todo o doce (biscoitos, galletas...) e enténdese: ao comer tan pouco e sendo
tan traballador tiña que meterlle azucre ao corpo para resistir; seica cando
baixaba a Santiago pasaba pola Mora. Fóra dos doces gustaba do máis básico:
caldo de nabizas, tortilla con cebola, patacas “panaderas” con cebola e ovos (os
ovos queríaos sen puntilla, tal como llos preparaba Vizoso que os botaba ao
aceite sen que estivera demasiado quente). Tamén se acordaban de que gozaba
moito co polbo e co queixo roquefort (cando se daba unha homenaxe no comezo do
xantar, untando no pan). Tomaba moito café, con moitísimo azucre (café Gallego que viña en gran, sen moer);
tamén pomelos cortados pola metade con azucre e plátanos moi maduros.
Cando
tiña convidados, tomaba unha copa de viño á comida e unhas gotas de augardente
no café (ou na cunca despois de tomalo)... só unhas gotas. Pedro, outro
comensal que compartiu mesa con el (e con Vizoso) unha temporada, coincidía co
dito anteriormente e uns días máis tarde chamou para comentar o que el pensaba
que podía ser un bo menú arredor de Isaac. “Estaría ben unha mestura de
Arxentina, A Mariña e Santiago; por exemplo: matambre, rulo de bonito e torta de Santiago, en versión chef,
claro”.
Romero |
Ao final apuntáronse uns dez locais
que nos arredores da data daban acceso a unha tapa, unha ración ou un entrante.
O Quijote decidiu preparar unha
ración de cabra, un prato moi típico de Santiago tal coma o egrexio veciño;
estaba boísima e contundente. El Romero
realizou dúas tapas, unha para sesión matinal e outra para a tarde noite, igual
que fixo a Táboa de picar. A Cafetería Galeras completou as súas tortas
de cada día, cunha empanadiña. A Horta do
Obradoiro presentou “Mexillón de Galicia con escabeche de verduriñas” e
explicaba “porque o mexillón en escabeche é un prato humilde como Isaac (pero con moito sabor á Nosa Terra e que nos representou no pasado, faino actualmente e farao no futuro). Trátase das nosas raíces (coma o mestre) e non debemos esquecelas nunca... Son o noso ADN”. un prato sinxelo e solidario coa xente do mar de Galicia.
Houbo máis, pero a quen escribe
non lle chegou o tempo para pasar por todos eles, razón pola que pide desculpas
e agradece a participación de todos e cada un dos establecementos que se
comprometeron.
Táboa de Picar |
O Quijote |
Táboa de Picar |
Horta do Obradoiro |
Comentarios
Publicar un comentario