Emilio Ínsua, Ediciós do Castro e Isaac Díaz Pardo


Isaac - Ediciós do Castro
Marabilloso é o artigo que hoxe publica, neste fogar da lembraza, Emilio Xosé Insua. O autor, con profundidade e rigorosidade, elabora un ensaio no que aborda "As Edicións do Castro e o xénero poético'. Que necesarios son este tipo de artigos que nos deixan ver, en amplitude, todo un horizonte apenas distinguíbel dende a  parcialidad, dende a visión particular e pouco recompiladora! Xa que non se pode discutir que esta importante achega de Emilio Insua serve para abrir os ollos de moitas persoas, tanto quizais como os daquelas figuras que Isaac debuxaba nos seus retratos. 

Nestas páxinas, de arduo traballo, elaboradas por Insua fica un bo quiñón das mulleres e homes que, dende Edicións do Castro, tiveron acubillo para espallar a súa creación literaria e hoxe, curiosamente, non son "uns ninguén". Son persoas, homes e mulleres, dispostas a gastar unha lingua que debe continuar viva.

Porque o autor de tal ensaio devece polo idioma (Sempre en, para, por, con... Galiza) e polos estudos que teñen como meta erguer monumentos á palabra: que son senón os libros?. Poeta, ensaísta, redactor... Insua é "alguén" útil, necesario, imprescindíbel... porque, tal ourive, sabe tallar xoais co que redacta.

Velaquí a súa achega. Beizóns!!


As Ediciós do Castro e o xénero póetico galego

Emilio Xosé Ínsua

1. Introdución

Está aínda por estudar en toda a súa complexa profundidade a contribución das Ediciós do Castro fundadas por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo ao desenvolvemento das letras galegas das últimas décadas do século XX, no período do tardofranquismo, durante a chamada Reforma ou Transición, nas décadas de 80 e 90, cando se produce o asentamento institucional autonómico e aínda nos primeiros compases da presente centuria. Como forma de homenaxe póstuma pola nosa parte á figura de Isaac Díaz Pardo, ao seu cumprir o primeiro centenario do seu nacemento, imos tentar expoñer e compartir aquí algunhas ideas ao respecto, se ben centrándonos exclusivamente nun dos xéneros canónicos, o poético.

Comezaremos por dicir o que é case unha obviedade: a editora fundada en 1963 e desaparecida factualmente en 2008, tan destacada no seu quefacer de aproximación ao legado das formas artísticas do país, no seu labor de rescate da memoria histórica con coleccións como “Documentos para a historia contemporánea de Galicia” ou no seu empeño na divulgación científica multidisciplinar, cos seus “Cadernos” e “Publicacións” do refundado Seminario de Estudos Galegos e do Seminario de Sargadelos, fixo tamén aposta pola publicación de poesía, mesmo a despeito de que fose precisamente na época anotada, por razóns tanto esóxenas como endóxenas, cando tal xénero se foi vendo relegado no conxunto do sistema literario galaico a un lugar menos “preponderante” do que ostentara noutrora. Será ben advertir, en todo caso, que Ediciós do Castro, a diferenza doutros selos coetáneos con cadansúa colección de poesía (Galaxia con “Dombate”, Xerais con “Ventobranco” e “Ablativo Absoluto”, Sotelo Blanco con “Leliadoura”, Espiral Maior...), Ediciós do Castro, por diversas razóns que merecerían un estudo ad hoc, non abrazou o monolingüismo editorial en galego.

Se gusta de continuar coa lectura, preme aquí e descarga o texto completo 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños