Haiku e outros poemas de Suso Díaz para Isaac Díaz Pardo


E seica estes días deambula por Compostela a figura de Lorca, quizais coincida na Ferradura con Isaac Díaz Pardo e Camilo Díaz Baliño, quizais ás dúas en punto tamén se atopen coas irmás Fandiño Ricart... De ser así, todos en harmonía recitarán aquel "chove en Santiago / meu doce amor / camelia branca do ar / brila entebrecida ô sol".

Federico García Lorca
Non hai dúbida de que Federico García Lorca namorou desta cidade que tantas ledicias e proxectos ten dado ao galeguismo. E diso non existe discusión, segundo poderían indicar Henrique Alvarellos ou ben Suso Díaz. 

Este último autor, fillo das terras e das letras de Lobios, ten unha importante e interesante produción poética, así como a edición de varias obras imprescindíbeis. Vén á nosa mente aquela que lanza con Helena Villar Janeiro titulada 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca e, máis recentemente, a tradución ao galego de Poeta en Nova York, tamén do escritor granadino.

Suso Díaz amósasenos coma unha persoa próxima, sensíbel, áxil co verso e comprometido coa difusión cultural do noso país. Con el non houbo que porfiar para que colaborase coa memoria de Isaac. Tiña claro que é mester render homenaxe ás persoas que nos precederon e gustaron de erguer a pacífica bandeira revolucionaria da palabra, do exercicio da palabra galega. Velaquí a súa, a de Suso Díaz.

Beizóns, irmán!

A Isaac Díaz Pardo

                         I

Nos teus ollos medrou Galicia

coa cobiza do labrego

coñecedor da terra que sementa.

 

Os eidos de grama son agora

vizosos vieiros de esperanza,

identidade irrenunciábel da matria

que resiste ergueita.

 

Seguen vixiantes as lúas

na noite que agarda espertar

dun sono asolagador.

 

Na memoria fica a semente

e no chan medran azos de galeguidade,

recolleita perenne, abondosa.


                         II

Mazá da nosa

semente. Isaac deulle

forma a Galicia.

  

Ollos sufridos

pola dor e a cobiza

de ser galego.

 

Volve, Isaac! Volve

a darlle forma á terra

que se nos vai.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños