UNHA MANDA DE CARLOS L. BERNÁRDEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO
O crítico da arte Carlos López Bernárdez achéganos, como homenaxe a Isaac Díaz Pardo, o seguinte artigo que publicou outrora no Faro de Vigo. Velaquí as súas reflexións.
Carlos L. Bernárdez
ISAAC DÍAZ PARDO PINTOR NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO
A Parella (1966) Obra de Isaac Díaz Pardo |
Neste
ano 2020 cúmprense cen anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo (Santiago de
Compostela, 1920- A Coruña, 2012) personalidade central no mundo cultural da
Galicia do século XX que goza dunha ampla consideración artística e social e de
unanimidade en torno á importancia do seu labor a prol da cultura galega,
situado como figura sobranceira da vida económica, social e creativa do noso
país.
Como artista plástico, a súa formación,
realizada na Academia de Belas Artes de San Fernando, está –como non podía ser
doutro xeito- moi condicionada pola dura posguerra nun período en que o espazo cultural galego no
propio país ficaba reducido á mínima expresión e non garantía practicamente
ningunha proxección para os artistas. É un tempo en que os creadores terán
grandes dificultades para recuperaren as angueiras e propostas da preguerra, un
mundo violentamente separado da produción cultural do exterior e en que a
represión contra toda disidencia, tamén na orientación cultural, silencia
abondosos ámbitos de creación.
Neste contexto,
Isaac Díaz Pardo realiza inicialmente unha obra moi mediatizada polo ambiente
social e cultural do momento, dentro duns postulados que se moven en parámetros
dun clasicismo académico, moi influída polos mestres italianos do Renacemento,
por Velázquez e o Greco, mais non exenta de personalidade e creatividade.
Porén, a
insatisfacción, a inquedanza do creador, agudízase cando a finais dos corenta
pode coñecer a obra dos grandes artistas galegos que están no exterior ou fican
silenciados nun exilio interior, como é ocaso de Carlos Maside, e cando percibe
con lucidez que o escenario artístico español é ben mediocre e que nel domina
un reseso costumismo ou un academicismo reaccionario carentes de todo folgo
creativo. Para un artista novo –como era Díaz Pardo nesta altura-, que quere
escapar deste mundo asfixiante, a saída é o contacto coa tradición da modernidade
galega que representan creadores no exilio como Luís Seoane, o que o levará a
comezar unha nova etapa vital e creativa presidida pola vontade de
reconstrución do tecido cultural galego, con Sargadelos como proxecto nuclear e
co deseño gráfico como ferramenta indispensábel, sen que iso supoña a renuncia
total á súa dimensión pictórica que terá as súas mellores realizacións nas
décadas dos cincuenta e sesenta, xa en sintonía coa a arte do Movemento
Renovador da Arte Galega, en proximidade vital e estética a Luís Seoane e cunha
linguaxe influída pola sintetismo propio do deseño gráfico, que está entre o
mellor da pintura galega da súa xeración.
Esa nova
linguaxe percíbese en varios nus femininos titulados Estudos (1955) ou
nas diferentes versións de Estudos e variaciós encol do tema da perexa
(1966), neles plásmase a proximidade á linguaxe sintética do deseño e que como
tamén fai Luís Seoane –con quen ten unha enorme proximidade conceptual- acaba
por singularizar o seu estilo utilizando na súa obra cores planas,
simplificadas en que o expresivo resalta desde a construción de liñas marcadas
que circunscriben os personaxes. A influencia do deseño industrial, que nesta
altura é xa a súa principal actividade, é evidente nestas obras, coas siluetas
moi enfatizadas, o uso de tintas planas e a elaboración das figuras humanas
partindo de trazos moi sumarios, que lembran os deseños industriais. Nesta
preferencia polo deseño gráfico hai non soamente unha postura estética –que
tamén- senón unha declaración de compromiso ético, unha postura ideolóxica, que
é produto da análise que o artista realiza, reflexionando sobre o sentido da
arte na sociedade moderna.
NO RONSEL DO MOVEMENTO RENOVADOR
Xentes que ollan (1960) Obra de Isaac Díaz Pardo |
A marca que
deixa en Díaz Pardo o movemento renovador d'Os Novos é moi evidente, en
cadros como a Barca de Caronte (1955) ou Xentes que ollan (1960),
presenta figuras e rostros que remiten á “estética do granito”, símbolos, case
esculturas, que nos fitan estaticamente; o desacougo das faces cómpre poñelo en
relación cunha intensa inquedanza social, sempre presente no autor. Nestas
obras Díaz Pardo lígase a un certo esquematismo alleo ao clásico e expresivo
-na liña de Maside, Souto ou Colmeiro- que contrasta fortemente coas obras da
súa primeira etapa clasicista e académica. Entre as obras máis notábeis, cómpre
salientar tamén A nave espacial (1964), que segue os mesmos postulados
formais, cunha forte carga ideolóxica, non esquezamos que a temática social vai
estar moi presente en todas as actividades creativas do artista e nas súas reflexións,
nelas Galicia e o seu progreso e identidade serán sempre preocupacións
constantes.
Estreitamente
ligada ao artístico, a actividade renacentista de Isaac Díaz Pardo, ten outras
múltiples facetas, entre elas o seu labor como recuperador da memoria artística,
industrial, política e intelectual do noso país e como dinamizador dos grandes
proxectos culturais e empresariais que tiveron unha vizosa plasmación no
Laboratorio de Formas de Galicia, nas cerámicas do Castro e Sargadelos, en
Ediciós do Castro e no Museo Carlos Maside. Todo un legado que debe ser obxecto
de análise en creativo diálogo co noso presente.
Comentarios
Publicar un comentario