CONCHA BLANCO ENTREGA UNHA MANDA A ISAAC

E velaí vén, faiscante, a manda que a prolífica escritora Concha Blanco lle entrega en man a Isaac Díaz PardoCando o vento sopra a favor, título que rotula o texto da referida autora, é unha sentida homenaxe a aquela persoa, Isaac, que foi o seu primeiro editor, o primeiro impulsor da súa produción cultural (como aconteceu con tantos outros/as autores/as galegos/as). Que necesario resultou ser, quizais imprescindíbel, Ediciós do Castro!!! 

CANDO O VENTO NON SOPRA A FAVOR

Concha Blanco, Cousiñas
prá escola
(Ediciós do
Castro 1984)
Isaac Díaz Pardo foi quen puxo a primeira pedra nos alicerces da miña obra literaria.

Non sempre se abren as portas cando petas nelas, pero ás veces amais de abrírense as portas tamén se franquean as ventás.

Isto foi o que me ocorreu a min cando timidamente contactei con Edicións do Castro coa intención de amosarlle as miñas “Cousiñas” e os meus “Contos” na nosa lingua.

Era consciente de que eu non tiña un nome no mundo editorial, o galego non estaba considerado lingua de cultura, excluído do ensino e eu… presentándolles aquilo que fixera cos títulos Cousiñas para a escola e Contos para a escola. Todo un atrevemento naquela declaración de intencións.

Era evidente que o vento non sopraba ao meu favor, pero a sorpresa chegou coa aprobación dos mesmos e o visto e prace para a publicación.
Concha Blanco, Contos
prá escola
(Ediciós do
Castro 1981)

Isaac valorou a obra que eu creara, non cuestionou nin o momento social nin a autoría feminina, nin a temática nin escenarios localistas, pois el partía do local para chegar ao universal.
Estoulle eternamente agradecida.

Agradecida non só polo persoal, pois aquí sigo creando desde aquel entón (era a década dos 80), senón tamén polo social, pola loita incansable a prol da nosa cultura, da súa industria reivindicativa nas diferentes manifestacións: Fundou Cerámicas do Castro no 1949. A Creación do Laboratorio de Formas de Galicia…

Os analistas da súa obra aseguran que a filosofía de traballo baseábase na importancia de coñecer o pasado con capacidade analítica e crítica para poder establecer as bases do futuro.
De quen se pode dicir que foi pintor, deseñador, ceramista, escritor, ilustrador, editor, animador cultural, empresario…?

Dun ser especial, único e irrepetible ata o de agora, admirado, querido e loado por toda Galicia: Isaac Díaz Pardo.
Grazas a el, as cores singulares de Sargadelos seguen a darlle luz aos días grises de Galicia.






Comentarios

  1. Canto fixo Isaac por tantas persoas para que puidesen comezar a publicar. Graciñas Concha por ser agradecida.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a ti, Héitor.
      Este sinxelo texto meu para el só é unha area para facer a súa praia.

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños